A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está remitir cartas nas que demanda das explotacións gandeiras o pagamento dun canon de saneamento en concepto da depuración das augas que é totalmente inxusto e inasumible e que responde unha vez máis a un intento da Xunta de Galicia por “facer caixa” a costa dos máis débiles. O departamento de Agustín Hernández pretende incluso pasar a factura polo canon de depuración desde o 2006, o que supón importes económicos considerables que nalgunhas liquidacións superan os 8.000 euros.
Este canon de saneamento, que a Xunta pretende xustificar no custe de depuración das augas, é un absoluto despropósito xa que en ningunha das explotacións que recibiron esta esixencia de cobro, hai conexión a ningunha depuradora, ou rede de saneamento nin municipal, nin da Xunta. Por outro lado, as augas de limpeza das explotacións, se tratan nas propias foxas de purín, que construiron e pagaron os propios gandeiros ao igual que as traídas de augas das que se abastecen as granxas.
Unións Agrarias lémbralle, a Agustín Hernández que as explotacións gandeiras non son industrias, que a maior parte do consumo da auga é para a bebida dos animais, e que en todo caso calquera auga residual producida nas cortes, vai a parar a unha foxa de purín para despois ser utilizada como fertilizante orgánico, sobre os pastos e terras de labor, cumprindo co código de boas prácticas que esixen tanto a Xunta de Galicia como a Unión Europea. A situación será tanto máis complicada, canto que o canon de saneamento vai desaparecer próximamente, para ser sustituido polo “canon da auga”, que ven na nova Lei de augas de Galicia, e co que a propia Xunta pretende recadar case o dobre que co actual canon de saneamento, xa que é moito máis caro.
Unións Agrarias a través dos servizos xurídicos do sindicato, está a recurrir os requerimentos das explotacións afectados por esta decisión inxusta, estando firmemente decididos a utilizar á vía xudicial para deixar sen efecto esta práctica abusiva por parte da Xunta de Galicia, que roza a estafa ao pretender cobrar por un servizo que nin presta nin no que fixo ningún investimento.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.