O sindicato Unións Agrarias vén de demandarlle a Xunta de Galicia axilidade e eficiencia na execución do Decreto do sector lácteo aprobado este venres polo Consello de Ministros. Neste senso, UUAA lémbralle á Consellería de Medio rural que ten pendente de convocar a Mesa do Leite e constituír a Mesa da Gandería, nas que se analicen o incremento brutal de custos de produción e se aborde en profundidade a situación nos sectores lácteo e cárnico.
O sindicato Unións Agrarias destaca que o decreto lácteo é un instrumento válido para marcar unhas regras de xogo eficaces para a supervivencia do sector primario. Porén, o Goberno central debe afondar no seu desenvolvemento ao tempo que debe poñer fin a discursos e actitudes nocivas en contra do sector lácteo, coma a que vimos asistindo por parte do presidente do Tribunal da Competencia, que cuestionou a legalidade deste texto.
Tomando como base este novo instrumento, a xuízo da organización agraria, a Xunta de Galicia debe traballar a prol da redución do diferencial entre o prezo do leite que se paga a gandeiros desta Comunidade con respecto aos españois e europeos. Neste sentido, cabe lembrar que o prezo do leite en Galicia é un 5% inferior ao da media estatal e un 7% por debaixo da media europea.
A organización agraria insiste na importancia de que o texto normativo conte coa figura do mediador que actúe como árbitro en caso de non entendemento entre a industria e os produtores. Para UUAA é fundamental esta figura xa que emitirá un ditame que fixará os prezos do leite tendo en conta criterios e parámetros obxectivos co que se lle garante ao gandeiro que estean cubertos os custos de produción, o que dotará de maior estabilidade financeira e económica ás explotacións.
Ademais, UUAA aposta tamén por seguir traballando na publicación de varios indicadores de prezos que sirvan aos gandeiros e ao resto dos axentes da cadea láctea na sinatura dos contratos; na xestión dos mesmos e no desenvolvemento dun sistema de información láctea que achegue transparencia ao conxunto do sector.





Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.