Unións Agrarias vén de reiterar que a empresa láctea francesa Lactalis segue a ser a que menos paga polo leite en orixe aos gandeiros galegos. Así o reflicte un estudo realizado polo sindicato agrario no que se confirma en base ás facturas achegadas polos gandeiros que a firma francesa pagou o leite aos produtores galegos no mes de marzo a 0,304 euros/litro. Ante esta realidade, a organización sindical insta a Xunta de Galicia a tome cartas no asunto e adopte as medidas necesarias para poñer fin a estas condicións.
Para Unións Agrarias resulta aínda máis contraditoria a actitude de Lactalis co produto galego xa que está a pagar o leite en Francia a uns prezos moi superiores que na comunidade galega.
Así, a empresa Lactalis veu pagando o leite en Francia uns 2 céntimos máis caro que en Galicia, agravando así a débil situación que atravesan os gandeiros galegos que pon en perigo, en moitos casos a súa supervivencia e polo tanto, vén a debilitar aínda máis a situación económica do sector primario galego.
Por empresas, cabe salientar que Lactalis que recolle o 11% da produción de leite en Galicia nesta Comunidade foi a que menos pagou o leite, seguida de Leite Celta que o fixo a 0,3047 €/litro co 12% da produción; CLAS que recolleu o 13% da produción galega a 0,3080 €/litro; Puleva a 0,3120 €/litro (8%); Danone a 0,3140 €/litro (3%) e Leite Río a 0,3160 €/litro (13%). Pascual foi a empresa láctea que máis pagou o leite galego no mes de marzo a razón de 0,3190 €/litro (3%).
Así, mentres que a o prezo medio do leite en Galicia foi de 0,3056 €/litro no mes de marzo, o pagado en España foi 0,3180€/litro, isto é máis dun céntimo que na Comunidade galega. En Europa, o prezo medio do litro de leite foi en marzo deste ano de 0,3316 euros, ou o que é o mesmo, máis de dous céntimos que en Galicia.
A organización sindical denuncia unha vez máis este tipo de prácticas abusivas, que non dan ao gandeiro a posibilidade de concertar ou negociar e insta a Consellería de Medio Rural a que se posicione en canto a continuar con este tipo de actuacións ou, pola contra, a pórse ao lado dos gandeiros na defensa do seus dereitos.
Unións Agrarias lamenta esta actitude empresarial que opta por pagar menos aos gandeiros en lugar de conseguir o beneficio e o valor engadido na venda dos produtos, contribuíndo así á ruína e a penuria económica en zonas onde a produción de leite é alternativa principal.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.