O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, manterá unha reunión o vindeiro xoves co presidente do Consello Galego da Competencia, Francisco Hernández, na que lle trasladará as últimas novidades relativas á situación dos prezos do leite en orixe que a industria está a pagar aos gandeiros galegos. Así, o responsable sindical informará da resolución adoptada de xeito unilateral por parte da empresa CELEGA, de baixar 3 céntimos de euros no litro de leite, sen que existan circunstancias que o xustifiquen e abocando ao produtor a unha situación imprevista que agrava aínda máis a súa débil economía. Concretamente, esta empresa láctea está a pagar polo leite entre 0,27 e 0,29 €/litro.
Roberto García trasladaralle a Francisco Hernández as conclusión dun estudo realizado por UUAA no que se constata que Lactalis foi a industria que menos pagou o leite no mes de marzo, desbancando a Leite Río e a Celta. Concretamente, Lactalis, que recolle o 11% da produción nesta Comunidade, foi a que menos pagou o leite en marzo a razón de 0,30 €/litro.
A organización sindical reiterará as constantes denuncias que vén realizando sobre as prácticas abusivas por parte da industria, que non dan ao gandeiro a posibilidade de concertar ou negociar. Ademais, neste conxunto de malas prácticas empresariais está a utilización do leite como produto reclamo con prezos a 0,49 céntimos de euros, moi por debaixo dos custos de produción.
Concretamente, Eroski e Gadisa están ofertando leite enteira a 0,48 e 0,49 céntimos de euro, respectivamente, algo que non se entende se se ten en conta que, segundo un estudo de UUAA, os custos de produción dun litro de leite ascenden a 0,55 céntimos de euro, polo que non é rendible vender por debaixo deste umbral sen entrar na venda a perdas. Para a organización sindical, isto só se pode explicar desde a extorsión ao produtor que se constata con baixadas unilaterais e con prezos polo leite que non cobren os gastos.
O secretario xeral de UUAA demandará axilidade e eficiencia nas resolucións que adopte o Consello Galego da Competencia, dependente da Consellería de Facenda, xa que a situación actual vense reiterando nos últimos anos. Así, xa en maio de 2009, a organización sindical denunciou ante o órgano galego de Competencia as prácticas abusivas de empresas como Eroski, Gadisa, Carrefour, Froiz, Mercadona e Auchán, que supoñen o 82,6% da cota galega de mercado.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.