Esta semana dará comezo un ano máis a campaña de rapa da lá nos rabaños de gando ovino de Galicia. Por este motivo, dende OVICA (a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia) loitamos pola profesionalización do sector e dispoñemos de cuadrillas de traballadores cunha ampla traxectoria e experiencia no servizo que ofrece aos socios da Asociación e ao resto de gandeiros. Son traballadores asalariados, dados de alta na Seguridade Social e con contrato laboral.
Dende OVICA queremos denunciar o intrusismo e competencia desleal que se está a producir en moitas zonas de Galicia por parte de rapadores que non están dados de alta na Seguridade Social, polo que esiximos que a administración tome as medidas pertinentes para tratar de poñer arranxo a esta problemática, xa que en caso de producirse un accidente laboral na explotación do gandeiro suporía un grave perxuizo para a súa persoa, ademais dos propios riscos sanitarios e de benestar animal que supón que a rapa sexa realizada deste xeito.
Os traballadores de OVICA realizan prácticas compatibles co benestar e sanidade animal, en constante asesoramento por parte dos veterinarios da ADSG (Agrupación de Defensa Sanitaria de Gando Ovino e Cabrún) ACIVO, cos que OVICA conta cun convenio de colaboración.
Por outra parte, a lá está catalogada como un subproduto animal de categoría 3, e a súa xestión está regulada polo Regulamento (CE) Nº 1069/2009 de Subprodutos animais e produtos derivados non destinados a consumo humano, de xeito que é obrigatorio para os gandeiros dispoñer dun Certificado Oficial emitido por un axente autorizado para o tratamento dese subproduto. En OVICA dispoñemos do contacto do recolledor autorizado.
Pero do mesmo xeito, que no caso dos rapadores, existen tratantes e compradores deste subproducto que carecen da autorización administrativa que os capacita para a emisión do certificado de trazabilidade. Son as autoridades as encargadas de velar por evitar os fraudes deste tipo nas explotacións gandeiras do país e evitar a proliferación dun mercado sumerxido que perxudica aos gandeiros que realizan correctamente o seu traballo e cumpren coa lexislación vixente.
OVICA tamén aposta pola formación e está a organizar para este ano cursos de esquileo que pretenden chegar a toda a poboación interesada en aprender unha profesión desprestixiada pero con moito futuro. Dende a Asociación queremos contar coa axuda da administración para poder ofrecer unha ensinanza reglada e homologada que permita incluso recibir un carnet profesional.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.