A Executiva do Sindicato Labrego Galego decidiu iniciar unha campaña de denuncia da indefensión que están a sufrir as granxas de leite diante das prácticas extorsivas da industria. Hai días, o SLG xa denunciou que as empresas do sector pretenden obrigar ás explotacións que lles fornecen de leite a asinar contratos por un ano a prezos miserables -sempre por debaixo dos 29 céntimos, chegando algúns a 24 céntimos por litro- baixo a ameaza de deixar de recollerlles a produción.
Diante da falla de resposta da Administración, nomeadamente da Consellaría de Medio Rural, a Executiva do SLG decidiu poñer en marcha unha campaña cuxas primeiras accións consistirán en denunciar esta problemática diante de institucións como Presidencia da Xunta, grupos parlamentarios ou o Valedor do Pobo; e diante de organismos con competencias para actuar legalmente contra este modus operandi mafioso, tal como a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA). Tamén volveremos esixir, por enésima vez, que a Consellaría de Medio Rural convoque aos axentes do sector na Mesa do Leite para tentar solucionar esta crise a través do diálogo.
En caso de que a Xunta de Galicia continúe instalada na parálise permanente da que está a facer gala e siga sen convocar ao sector, industrias e comercializadoras, daquela o Sindicato Labrego Galego comezará a organizar mobilizacións para tentar obrigar a que o leite teña un prezo que cubra os custes de produción e se manteña como un dos principais sectores produtivos do noso país.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.