O sindicato Unións Agrarias esixirá a compensación de danos e perxuizos á empresa Leite Río polo abandono salvaxe da recollida que está practicando en determinadas explotacións nas zonas de Teixeiro e na Terra Cha. O xeito de actuación da industria propiedade de Jesús Lence, supón superar tódalas liñas vermellas da legalidade e da moralidade, posto que os produtores afectados teñen contrato en vixencia coa citada firma. Sen teren conta isto, Leite Río cancelou a súa recollida deixando as granxas sen mais alternativa que baleirar os tanques de frío con miles de litros por non poder dar saída a produción.
O sindicato UUAA xa viña denunciando ás continuas e crecentes agresións que están a sufrir os produtores lácteos por parte de industria e distribución coa conivencia das administracións central e autonómica que non parecen valorar en toda a gravidade o que está a suceder cos gandeiros de leite de Galicia. Por iso desde a organización agraria solicitase unha reunión urxente do comité de crise creado pola Consellería de Medio Rural, para corrixir as graves anomalías que se están detectando e se axilicen a corrección de abusos sen ter que agardar unha sentenza.
Para Unións Agrarias o sector nunca se atopou nunha situación desesperada como a actual na que o fin das cotas trouxo consigo a lei da selva ao rural galego. Primeiros compradores e industrias están arrasando a capacidade produtiva galega con prezos do leite en orixe, en cotizacións de 3 e 4 cts/l por debaixo dos custes de produción. Unha incautación inmoral de renda que se basea na chantaxe e as ameazas de borrar da ruta de recollida a aquelas granxas que non se sumen aos contratos leoninos impostos. Sen esquecer as continuas campañas de banalización do prezo leite que lanzan as grandes superficies que sitúan os bricks en custes inferiores a auga. A organización agraria considera que despois de que se pecharan todas a posibilidades de diálogo pola insensatez do sector industrial e a miopía coa que a Xunta de Galicia afronta a crise láctea galega, da que fixo gala na recente reunión da comisión de traballo creada para adaptar o sector ao mercado libre, non queda outro camiño que entrar nun escenario de confrontación para tratar de salvar o sector lácteo do risco certo de colapso económico.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.