O sindicato Unións Agrarias esixe a posta en marcha inmediata de actuacións drásticas que erradiquen as liquidacións de vergoña que moitas explotacións gandeiras galegas están a recibir nestes días polo leite entregado. O que ata agora eran individualidades esperpénticas, como é pagar polo leite a 2,5 cts/l, ameaza con converterse nunha tendencia entre os primeiros compradores, ante a falta de freo por parte da Administración e a Xustiza.
Por esta situación desde UUAA solicitase unha reunión nesta semana do comité de crise creado pola Consellería de Medio Rural, para corrixir as graves anomalías que se están detectando, apostando pola retirada directa da licenza de actuación aos primeiros compradores que infrinxan as normas do paquete lácteo. Neste sentido, hai que destacar tamén a constante precarización na duración dos contratos que teñen que sufrir os gandeiros a través da imposición da renuncia voluntaria. Un fracaso do paquete lácteo ao que hai que engadir a falta de fórmulas arbitrais que axilicen a corrección de abusos sen ter que agardar unha sentenza.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, trasladará mañá á reunión da INLAC a gravidade da situación que provocan os desequilibrios que os primeiros compradores están a introducir na cadea de valor do leite. Neste sentido, desde UUAA denunciase a lentitude co que as administracións están a actuar para frear a incautación ilegal de renda que sofren o gandeiros pola actitude dos revendedores de leite. Nada se fixo para anular os “contratos lixo” nin para recolocar en industrias aos produtores afectado polos mesmos. O sindicato quere saber con que fórmulas se concretou o acordo entre industria e Ministerio, anunciado antes das eleccións municipais, de intervir no mercado co gallo de destinar a leite en po os supostos excedentes industriais para frear a caída de prezos.
Finalmente desde a organización agraria esíxese que se comunique dunha vez a distribución da supertaxa aos 200 ou 300 gandeiros dos que se di desde o Ministerio que estarán afectados pola multa, para que os non estean sancionados poidan cobrar as mensualidades que teñen pendentes e de paso se liberen dos avais e demais condicionamentos financeiros dos que tiveron que botar man ante as constantes ameazas de multa por arte do Goberno.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.