De auténtica “burla” aos produtores lácteos cualificou hoxe o secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, as axudas adicionais para o sector leiteiro anunciadas onte pola comisaria de Agricultura da Unión Europea, Mariann Fischer. Para Francisco Bello, o anuncio dun reparto de 280 millóns de euros para todos os gandeiros, en función da súas propias cotas de producción, suporía que os produtores galegos recibisen menos de catrocentos euros por explotación. “As axudas”, dixo o secretario xeral de Xóvenes, “sempre son benvidas, pero como se ve pola súa contía iso é unha burla porque é una cifra insignificante, insuficiente e que chega tarde”.
A xuízo de Francisco Bello o que o anuncio da comisaria de Agricultura pon de manifesto “é unha total e absoluta falla de responsabilidade na política agraria e gandeira e unha ausencia de estratexia para garantir a viabilidade das explotacións leiteiras”. “O que está a fallar”, argumentou Bello, “é unha política con maiúsculas, que aporte diñeiro aos gandeiros, pero non como esmola ou subvención”.
Para o secretario xeral de Xóvenes Agricultores, as críticas pódense facer extensivas á ministra española de Medio Rural, Elena Espinosa, quen amosou o seu respaldo ás propostas da comisaria. “Semella que a ministra descoñece a realidade das explotacións, porque no que vai de ano, e só en Galicia, as perdas polos baixos prezos do leite, suman xa máis de 200 millóns de euros”.
Xóvenes Agricultores considera que a Unión Europea ten que dar un paso adiante e pór en marcha unha política láctea imaxinativa, eficaz e valente. A organización profesional agraria galega considera tremendamente inxusto, por exemplo, que aqueles países con maior cota láctea e nos que se producen millóns de toneladas de excedentes que se introducen a baixo custo en nacións deficitarias como España, perciban as axudas na mesma proporción que os outros. Para Xóvenes Agricultores debería existir algún mecanismo corrector que “beneficiase” aos deficitarios, como España.
Ademais, cómpre lembrar que a UE recomendou aos gandeiros europeos producir 2 millóns de toneladas máis só para consumo interno da Unión hai escasamente tres anos. O que pon de manifesto que a política láctea europea é un total despropósito, tendo en conta, tamén, que as cifras de producción da última campaña indican claramente que o problema non é, sen máis, a cota nin a producción, senón a falla total de posicionamento da UE nos mercados internacionais e a ausencia dunhas regras de xogo iguais para todos os estados membros en aspectos como as normas de competencia ou os mecanismos de relacións interprofesionais.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.