As organizacións agrarias que se reuniron esta fin de semana en Cardiff (Gales), entre as que se atopaba o Sindicato Labrego Galego (SLG), concluíron que a situación das explotacións labregas de leite en Europa se atopa nun punto crítico debido aos baixos prezos rexistrados en todo o continente.
Segundo explicou a Secretaria Xeral do SLG, Lidia Senra, “estamos nunha conxuntura que, con estes prezos, os ingresos dunha explotación labrega de leite sitúanse ao mesmo nivel que os custes de produción, e ás veces por debaixo”. De aí o abandono masivo da actividade e a sangría constante por peche de explotacións, o que está a provocar situacións impensábeis hai dous anos, cando se comezou a aplicar a última reforma leiteira: países netamente produtores como Dinamarca ou o Reino Unido, hoxe non producen o suficiente nin para cubrir a súa cota leiteira asignada pola Unión Europea. En Gales, onde se celebrou esta xuntanza, están a desaparecer tres explotacións de leite por semana. De seguires na mesma dinámica, as organizacións reunidas en Cardiff concluíron que, probabelmente, estes países nunca volvan cubrir a súa cota.
A nivel organizativo, esta xuntanza foi preparatoria para a asemblea de organizacións agrarias europeas que, en representación de once estados, se celebrará en xuño na cidade italiana de Verona. O obxectivo desta nova reunión será o de seguir traballando e unificando criterios na loita común de acadar un prezo mínimo para o leite en toda Europa. Tamén se analizará a posibilidade de levar a cabo accións coordinadas para forzar ás industrias a negociar un prezo mínimo, e para obrigar á Unión Europea e aos gobernos dos estados a modificar a Política Agraria Común (PAC) no senso de que os prezos cubran os custes e o traballo de produción.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.