Baixo o lema “Por un prezo mínimo para o leite en Europa: OMC fóra da agricultura”, un milleiro de labregos e labregas, convocados polo SLG, esixiron hoxe n’A Coruña un prezo mínimo para o leite que cubra uns custes de produción que se están disparando nos últimos tempos, e que remunere dun xeito digno o traballo nas explotacións. Nos últimos meses, o sector leiteiro galego sufriu fortes agresións que minguaron de xeito alarmante a súa maltreita economía: as perdas como consecuencia da folga de transportes, a supertaxa, a nova baixada de prezos imposta polas industrias, a negativa do Ministerio de Agricultura a crear un gasóleo agrícola profesional libre dos abusivos impostos que gravan os carburantes, ou a falla de apoios ante as perdas da seca e as xeadas pola teima do Goberno central en excluír a Galiza das axudas para paliar estes danos.
Esta manifestación levaba dous meses organizándose, e tentou apoiar dende Galiza as protestas globais que se están a desenvolver contra a Organización Mundial do Comercio (OMC) que, nestes intres, está negociando en Xenebra (Suíza) a liberalización dos mercados agrarios. Neste contexto, organizacións agrarias de Suíza, Austria, Italia, Francia, Bélxica, Dinamarca, Alemaña e Holanda, xunto ao Sindicato Labrego, puxéronse de acordo para iniciar mobilizacións este 19 de outubro esixindo un prezo mínimo para o leite en Europa que garanta unhas rendas dignas para as explotacións.
Preparativos para unha posíbel folga de entregas de leite a escala europea
Organizacións agrarias de toda Europa, entre as que se inclúe o SLG, levan mantendo contactos dende hai anos para coordinar accións conxuntas na demanda dun prezo digno para o leite en todo o continente. Así, celebráronse encontros en Amsterdam e Hamburgo, tendo lugar o último deles en Billund (Dinamarca) o pasado 11 de xuño. As manifestacións de hoxe son un quecemento de motores diante dunha acción global que se está a planificar en caso de que as industrias non cedan ás demandas labregas: a primeira folga de entregas de leite a escala europea.
Por outra banda, as mobilizacións deste 19 de outubro fixéronse coincidir coas negociacións que se están a levar no seo da OMC porque, de saír adiante a liberalización dos mercados agrarios internacionais que se está a negociar, arruinaranse millóns de familias labregas en todo o mundo. Dende o punto de vista galego, os acordos da OMC son unha grave ameaza que pode levar á destrución dun sector lácteo galego que, ademais das constantes agresións, segue a sufrir unha reconversión brutal por mor das políticas agrarias impostas dende a Unión Europea.
Neste senso, o Sindicato Labrego apoiou durante os últimos días as protestas que están levando a cabo en Xenebra por colectivos sociais de toda Europa para protestar contra as políticas da Organización Mundial do Comercio, e para participar no deseño de estratexias conxuntas de oposición contra ela.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.