Unións Agrarias reclama un trato igualitario para todos os viticultores afectados polas graves perdas sufridas nesta semana polas xeadas nas denominacións de orixe vitivinícolas ourensáns e lucenses.
A organización agraria non comparte as manifestacións da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, referidas a excepcionalidade do pago de axudas da Xunta por danos aos viticultores da Ribeira Sacra en 2016. O sindicato cree que se trata dunha escusa pobre apoiarse na heroicidade dos produtores vitivinícolas para facelos merecedores de axudas, posto que ese baremo nin aparecía na orde nin sequera todos produtores da subzona se puideron beneficiar delas. UUAA estima moi pertinente que se cubriran con axudas directas as perdas sufridas polo pedrazo en Sober no ano 2016, pero non entende que a vontade política demostrada naquel momento se transforme en pasividade agora, nun momento no que está en xogo o futuro de moitas explotacións en catro das cinco denominacións vitivinícolas galegas.
Non se trata logo dun problema de legalidade nin entonces nin agora, posto que a orde estima que se pode librar axudas ata 15.000 euros por titular de explotación o que sería un modo de aliviar as perdas no Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. Parece un mais ben un problema de falta de responsabilidade como a que se puxo de manifesto na clamorosa ausencia da Xunta de Galicia na reunión interautonómica do “Grupo de Trabajo COPAC-Sequía” no Ministerio de Agricultura o pasado 28 de abril no que perfilou a provisión de axudas do Goberno para a seca e as xeadas.
Unións Agrarias, insiste na necesidade de convocar inmediatamente unha mesa técnica que aborde un plan de financiamento de urxencia para as perdas provocadas pola xeada e coordine unha estratexia de actuación que tamén debe englobar a ás producións de castaña de Viana do Bolo, pataca en Vilalba e as de Kiwi da provincia de Pontevedra. Para a organización agraria resulta urxente redeseñar o catálogo de estipulacións das pólizas dos seguros agrarios posto que co actual formato a realidade é que hai un risco de exposición en mais dun 80% de explotacións que carecen de seguro. E tamén reconducir o apoio público ás pólizas que neste momento está nun escaso 8% por parte da Xunta e que en base a normativa estatal pode chegar ao 65%.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.