Nas reunións informativas que está celebrando o SLG polas diversas zonas de Galiza afectadas pola redacción de plans xerais de ordenación municipal estase a constatar a preocupación de moitos agricultores e gandeiros pola repercusión que vai ter a nivel impositivo a entrada en vigor dun PXOM no seu municipio xa que, como é sabido, unha vez aprobado, procédese a revisar o catastro inmobiliario para adaptalo á nova realidade urbanística.
O problema xurde, especialmente, no denominado “solo de núcleo rural” e as súas zonas de ampliación, como vemos que está a acontecer hoxe, por exemplo, co PXOM da Estrada (Pontevedra). O solo de núcleo rural é unha figura que só existe en Galiza, pola peculiar organización territorial que temos. Ata 1998, o solo de núcleo rural estaba equiparado a efectos impositivos co solo rústico, de maneira que só se tributaba no Imposto de Bens Inmóbeis (IBI) polas vivendas. Os sucesivos gobernos do PP -que como é sabido incrementaron os impostos indirectos a costa de baixar os directos-, iniciaron unha reforma lexislativa que cambiou absolutamente esa situación. Así, dende a entrada en vigor da Lei 6/98 sobre réxime de solo e valoracións, o solo de núcleo rural pasou a ser considerado como solo urbano a efectos de Imposto de Bens Inmóbeis de natureza urbana, é dicir, que acadan a cualificación de solares e, polo tanto, tributan coma se estivesen nunha zona urbana. Iso si, supoñemos que aplicándolles coeficientes reductores, porque a edificabilidade é menor.
Aínda así, aparte dos solares, só pagaban contribución urbana as casas, quedando exentas dela o resto das edificacións que estaban no núcleo rural. Por exemplo, as cortes e os galpóns, porque “as construccións de natureza rústica, edificios e instalacións de carácter agrario” estaban exentas de contribución urbana.
Porén, a situación levou un novo xiro de rosca e, así, primeiro a través da lei 48/2002 do catastro inmobiliario, e despois a través do Real Decreto lexislativo 1/2004 polo que se aprobou o texto refundido da lei do catastro inmobiliario, cambiou substancialmente. Agora, o determinante non é a natureza do edificio, senón que “o carácter urbano ou rústico do inmoble dependerá da natureza do seu solo” (artigo 7 do RD lexislativo), de maneira que si unhas cortes ou calquera outro tipo de instalación agraria están en solo rústico, entrarán na valoración para pagar IBI rústica; e se están en solo urbano ou equiparable a el, pagarán contribución urbana.
Todo isto vai supor que, en todo municipio onde se deseñe e aplique un PXOM acontecerá o seguinte:
1.- A subida da contribución urbana polas casas.
2.- Pagar polas leiras incluídas no perímetro do solo de núcleo rural e a súa zona de ampliación como se fosen solares.
3.- Pagar contribución urbana todas as edificacións incluídas dentro do núcleo rural, sexan da natureza que sexan (cortes, galpóns, cubertos, pendellos, etc)
As únicas solucións para este problema son cambiar a lei, por unha banda; e que as persoas afectadas aleguen cando un PXOM lles recualifique as súas propiedades e inmóbeis para que non se inclúan como solo de núcleo rural, sempre e cando se queiran beneficiar dunha baixada no IBI. En todo caso, esta situación impositiva é froito, e unha vez máis, dunha normativa que só concibe o mundo rural no seu aspecto residencial, ignorando outros usos.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.