O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, que establece as bases de colaboración para a realización do proxecto “Estudo de depuración intensiva de moluscos bivalvos vivos procedentes de zonas C”. O obxectivo desta iniciativa é avanzar no cumprimento das condicións sanitarias dos produtos alimenticios de orixe animal destinados ao consumo humano.
Tendo en conta que a Comisión Europea considera que o sistema de depuración intensiva non garante a eliminación dos virus procedentes de augas fecais, aínda que a eliminación das bacterias fecais resulte eficiente, os expertos seguen a traballar para perfeccionar as técnicas e trasladalas a programas de control sanitario. É por iso que tanto a Consellería de Pesca, como a USC e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia están interesados en cooperar para a realización deste estudo.
Así, este proxecto permitirá coñecer a curva de depuración de E-coli (coliformes fecais) nos moluscos bivalvos vivos situados en zona de produción clasificadas como “C”. É dicir, naquelas zonas nas que só se pode extraer o produto para a súa reinstalación prolongada noutra zona ou ben para ser destinada á súa transformación, pero nunca para a súa venda en fresco. Así mesmo, este traballo de investigación posibilitará avanzar no coñecemento dos niveis de contaminación vírica das zonas de produción das que procedan as mostras que se analicen e estuden, así como a taxa de depuración.
Este proxecto é de grande relevancia para o sector pesqueiro, marisqueiro e de cultivos, considerado estratéxico para Galicia pola súa importancia económica e polo importante número de postos de traballo que xera. Ademais, non debemos esquecer que o cultivo de moluscos é a principal actividade dentro do campo da acuicultura mariña.
Consciente desta importancia, a Consellería de Pesca achegará para a posta en marcha desta iniciativa un importe total de 232.265,00 euros, que se distribuirán nas anualidades 2007 e 2008. De feito, no presente exercicio destinaranse 114.015,00 euros e, o vindeiro ano, achegaranse 118.250,00 euros. Este acordo de colaboración estará vixente ata o 31 de decembro de 2008.
Plan de traballo
Para a realización deste proxecto de investigación estableceuse unha metodoloxía de traballo que se iniciará coa fase I: depuración de moluscos de zona “C” nunha depuradora comercial. Nesta primeira parte do traballo defínense os produtos que se van depurar, que serán, dunha banda, ameixa fina, xaponesa e babosa procedentes de dúas zonas de produción clasificadas como “C”, así como mexillón de batea previamente contaminado no medio natural.
Posteriormente, tanto a ameixa como o mexillón serán trasladados a unha depuradora comercial de moluscos, onde quedarán instalados. A cantidade de moluscos para depurar será a necesaria para poder encher un tanque de depuración, simulando as condicións habituais de traballo nestas instalacións comerciais a escala industrial.
Os parámetros que se estudarán nesta primeira fase serán a calidade da auga de entrada na depuradora (salinidade, temperatura, osíxeno, ph e cloro); os ensaios de E.coli; a concentración de coliformes por cada 100
gramos de vianda, antes e durante o proceso de depuración nos tempos marcados; así como os virus (Norovirus e Hepatitis A) e bacteriógrafos en moluscos, antes e despois da depuración comercial.
As experiencias desta primeira parte realizaranse cunha periodicidade semanal, realizando o traslado do produto dende o mar á depuradora os luns e tomando mostras ao principio do proceso e posteriormente, todos os días pola mañá.
Na fase II, adicada á determinación da taxa de depuración bacteriana e vírica de moluscos contaminados en condicións controladas e as influencias de parámetros físico-químicos, procederase á contaminación artificial bacteriana e vírica dos distintos tipos de ameixa e de mexillón. O obxectivo é obter unha curva de depuración teórica e adaptar as condicións de depuración comercial ao perfil de contaminación dos moluscos das rías galegas.
Procederase á depuración da ameixa fina, xaponesa e babosa procedente de zonas “C”, así como do mexillón de batea nunha instalación controlada, para poder levar a cabo un control máis exhaustivo dos parámetros de depuración e manter as medidas de seguridade, dada a patoxenicidade dos virus. As experiencias realizaranse a 12 e 18-19 graos centígrados, de xeito que se poidan obter datos de depuración en correspondencia coas estacións de inverno e verán, posto que a temperatura tamén afecta de xeito importante á depuración dos virus.
Nesta fase estudaranse os parámetros que afectan á efectividade da depuración, con distintas condicións de temperatura, tratamentos de auga e duración do proceso, co fin de establecer as condicións idóneas de eliminación dos virus e coliformes nos moluscos, previamente sometidos a un experimento de bioacumulación. Así mesmo, farase un seguimento da depuración de E.coli nestes mesmos moluscos bivalvos.
Competencias de cada institución
Segundo recollen o convenio de colaboración e a metodoloxía de traballo será a Consellería de Pesca, a través do Intecmar, a que se encargue da dirección técnica e da coordinación deste proxecto de investigación. Ademais, será quen realice a cuantificación de coliformes fecais na mostras de moluscos.
Pola súa banda, os técnicos da Universidade de Santiago serán os que se encarguen de realizar os ensaios de bacteriófagos e virus en moluscos e de E.coli en augas de depuración. Por último, do Consello Regulador do Mexillón de Galicia dependerá a obtención de mostras e o seu traslado á depuradora, e tamén o control da calidade da auga de depuración (salinidade, temperatura, osíxeno, ph e cloro).
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.