No día de hoxe tivo lugar n´A Estrada a décima xornada de debate do Sindicato Labrego Galego dentro da programación de case unha vintena de encontros que abarcan as zonas de Teixeiro, Arzúa, Ferrol, Betanzos, Ordes, Lalín, A estrada, Pontecaldelas, Becerreá, Chantada, Ribadeo, Lourenzá, Santa Comba e Vilalba.
Afiliadas e afiliados do SLG estamos a analizar como nos afectará a PAC2013 para extraermos as propostas que como Sindicato trasladaremos a tódalas instancias políticas, xa que demandamos participar activamente na construción da política agraria que rexerá os mercados e modos de produción na UE.
A presidencia do Estado español na U.E. no propio momento en que se está a deseñar as novas políticas para o subministro de alimentación en Europa, é unha oportunidade inmellorábel para comprobarmos con que tipo de agricultura e alimentación se compromete o Goberno central.
É por isto que as labregas e labregos do SLG estaremos pendentes da recollida e traslado das nosas propostas aos órganos decisorios da Unión Europea neste ámbito, nomeadamente a Comisión de agricultura, o Consello Agrícola e as diferentes reunións dos e das representantes políticas de cada país vinculadas ao eido agrario.
A actitude do Goberno galego, pola súa banda, poderemos testala xa nesta semana, xa que comprometeuse a defender en tódolos ámbitos de debate político as premisas consensuadas e achegadas polas tres organizacións sindicais agrarias, incluíndoas no documento que presentará ao sector produtor o vindeiro xoves 25, ás 17:00hrs., no marco do Consello Agrario (na Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, estrada de Noia, km3, A Barcia).
Agricultura labrega
Entre os obxectivos discutidos e que se están a revelar nesta ronda de debates comarcais coma fundamentais na elaboración da vindeira PAC 2013, destacan os seguintes:
• Manter e desenvolver unha agricultura labrega que alimente á poboación, preserve o medio ambiente e as paisaxes, e garanta alimentos sans.
• Para que este primeiro punto sexa posíbel, a política agraria haberá de garantir prezos estábeis para os nosos produtos, remunerando tamén a función de coidadoras do medio que realizan as labregas e labregos.
• Relocalizar en territorio europeo a produción de alimentos que vai ser consumida na UE, en troques de manter o actual transporte de alimentos que poderían ser producidos aquí, dende outros países a máis baixo custo económico para as multinacionais.
• Rematar co dominio mundial das industrias e da grande distribución na cadea alimentaria dos pobos.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.