O sindicato Unións Agrarias vén de denunciar a debilidade estrutural e o abandono que sufre o rural galego que resulta ser o principal prexudicado e o primeiro danado ante calquera inclemencia atmosférica. Logo dos temporais acontecidos nos últimos tempos, a organización agraria está a realizar unha consulta polas distintas comarcas constatando danos nas infraestruturas viarias, anegamentos en cultivos e incidencias nas rutas de recollidas do leite, o que provoca problemas nas explotacións lácteas. A isto hai que engadir os desperfectos rexistrados en viñedos, e cultivos de horta e forraxe.
Logo das choivas destes días, os produtores de distintas comarcas, especialmente, na provincia de Lugo, están a sufrir os cortes de pistas que dificultan a recollida do leite, así como incidencias no subministro eléctrico con repercusións á hora de muxir as vacas. Ademais, produtores de horta e viticultores vén como se botaron a perder os seus cultivos debido fundamentalmente a anegamentos pola auga caída.
A situación creada ano tras ano débese fundamentalmente ao abandono do rural provocado pola falta de investimentos e dun verdadeiro compromiso por parte do Goberno de Núñez Feijoo coas familias que residen neste ámbito. Neste sentido, Unións Agrarias demanda un plan integral e global que inclúa desde as comunicacións viarias, as redes de subministro de enerxía, telefonía e Internet e a dotación de servizos públicos. Esta planificación no só implicará a mellora das prestacións actuais senón tamén a construción de novas vías e infraestruturas.
Neste sentido, Unións Agrarias realizará unha auditoría que recollerá as incidencias sufridas no rural polos sucesivos temporais así como as deficiencias existentes nas infraestruturas viarias e de comunicacións e nos servizos. Ademais, tamén incluirá un catálogo de avarías ou colapso das infraestruturas ante a sospeita que estas son reiteradas en canto á súa tipoloxía (cortes de luz, anegamentos de pistas rurais por falta de limpeza das cunetas, desprendementos de terra por falta de sistemas de drenaxe nos terrapléns, etc.) e á zona xeográfica afectada. Este informe trasladarase ao Goberno galego, así como aos concellos, grupos parlamentarios e axentes sociais implicados co fin de acabar coa situación de marxinación que vive o rural de Galicia.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.