O Sindicato Labrego Galego denuncia que varias explotacións perceptoras das axudas da Política Agraria Común (PAC) na Galiza seguen sen cobrar de maneira totalmente arbitraria e sen xustificación algunha por parte da Consellaría de Medio Rural, que non pon nin un céntimo destas subvencións (os cartos veñen de Bruxelas) e só se ten que limitar a xestionar o seu reparto.
Normalmente, quen ten dereito a cobrar primas da PAC, recibe os cartos a finais de ano ou, como máis tarde, a comezos de xaneiro. Sen embargo, o Sindicato Labrego Galego puido constatar varios casos de persoas que aínda non cobraron a PAC de 2013. Tras reclamar administrativamente, a resposta que recibimos foi que a estas persoas perceptoras das axudas se lles ingresarán os cartos a finais de marzo. Esta neglixencia da Consellaría de Medio Rural supón un atraso que está a crear problemas de liquidez durante tres meses ás explotacións afectadas. E a aquelas que non teñen problemas de liquidez por ter solicitado o anticipo das axudas (os anticipos son unha liña oficial de cobro nas subvencións da PAC), a neglixencia administrativa no lles sae gratis, pois terán que pagar tres meses de xuros (o 6%) ao banco que lles anticipou os cartos.
Para o Sindicato Labrego Galego, a Consellaría de Medio Rural é a única responsable deste atraso no pagamento das axudas, polo que debería reintegrarlles ás explotacións afectadas os cartos que perdan por culpa da súa ineptitude. Por iso, esiximos a Medio Rural que explique o porque destes atrasos, que informe sobre o número de explotacións que se atopan nesta situación e que cree unha fórmula administrativa para poder reintegrarlle os xuros creados ás explotacións polo atraso nos cobros.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.