As elevadas temperaturas e a ausencia de precipitacións rexistradas neste verán ocasionaron unha redución do 40% na produción do millo forraxeiro, o que se traduce en perdas de mais de 35 millóns e medio de euros. Este cultivo, fundamental na dieta do gando vacún, xa resultara gravemente afectado polas excepcionais condicións de humidade e frío da pasada primavera que ocasionaron retrasos na sementeira avaliados naquel momento en perdas de 14,4 millóns de euros.
Ás consecuencias derivadas das chuvias da primavera que obrigaron aos agricultores a sementar variedades de ciclos máis curtos e polo tanto de menor rendemento engádese agora a redución da produción por mor das altas temperaturas e da falta de chuvia no verán, polo que as perdas acumuladas ascenden ata o momento a uns 50 millóns de euros, á espera do tempo que veña ata a colleita a finais de setembro ou primeiros de outubro. Así pois, as explotacións gandeiras de Galicia, especialmente ás das comarcas do interior, deben facer fronte a esta adversidade e buscar novas fontes de alimentación para o seu gando logo dun ano nefasto, no que ademais dos danos no millo se perdera un corte de herba e a campaña de ensilado de herba fora de mala calidade por mor das excesivas choivas e baixas temperaturas da primavera.
A produción de millo perdida nas case 70.000 hectáreas cultivadas en Galicia debe ser substituída polo aproveitamento dos pastos e pola compra de pensos de fora de explotación. Neste sentido, e co obxectivo de non incrementar os custos de produción do leite e da carne, Unións Agrarias solicita a suspensión da prohibición de pastorear en terreos afectados por incendios e denuncia o retraso inxustificado da baixada do prezo dos pensos, xa que a pesares da redución da cotización das materias primas nos mercados nestas últimas semanas os gandeiros seguen pagando o mesmo pola alimentación para os seus animais. Ao contrario do que acontece cando se experimentan subas nas cotizacións das materias primas que son trasladadas inmediatamente ao prezo dos pensos.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.