O Sindicato Labrego Galego quere saír ao paso do triunfalismo expresado polo ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, diante da reforma da Política Agraria Común (PAC) negociada no Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da Unión Europea. Lonxe de ser boa, a reforma da PAC acordada segue a ser moi lesiva para os e as profesionais do campo, tremendamente negativa para o modelo social e profesional da agricultura, e letal para os principais sectores agrogandeiros galegos, nomeadamente o lácteo, o vitivinícola e o cárnico.
No caso do sector lácteo, mantense a desaparición do sistema de cotas no ano 2015 sen ningunha alternativa reguladora, o cal vai provocar un asolagamento do mercado con excedentes e unha caída brutal dos prezos do leite en toda Europa, provocando a ruína de miles de explotacións. Esta medida que noutras zonas do Estado ás penas se notaría, será catastrófica para o medio rural galego e para o seu principal motor económico.
Por se non abondase, tamén se vai permitir a ampliación dos dereitos de plantación de viñedo a razón dun 1% anual. O incremento da produción vitícola nun sector onde os prezos da uva adoitan a ser miserables e con moitas adegas que están a almacenar o viño elaborado porque non ten saída no mercado, e mesmo empresas que non pagaron a uva vendimada en 2011, tamén abocaría ao noso sector vitivinícola, coas súas cinco denominacións de orixe incluídas, cara ao desastre.
En canto ás explotacións de carne, existen grandes incertezas respecto á continuidade das axudas acopladas das que depende en grande medida a súa continuidade ao estar situadas, normalmente, en zonas desfavorecidas de montaña da Galiza onde non é posible outra actividade agrogandeira ou económica.
Por se non abondase, esta PAC que nos propoñen dende Bruxelas afondará na xigantesca estafa do sistema de axudas agrícolas comunitario. Até o de agora, os máximos perceptores de axudas eran e son grandes terratenentes e empresas como o Príncipe Carlos de Inglaterra, a Duquesa de Alba, Mario Conde, Heineken, a tabacaleira Philip Morris, BASF, Nestlé ou o Credit Agricole Bank, por poñer algúns exemplos significativos. A solución? Poñer un tope por axuda de 100.000 euros e limitar o cobro a agricultores/as activos/as para que os cartos queden fundamentalmente nas pequenas e medianas explotacións, que son as que realmente teñen unha actividade profesional agraria, xeran postos de traballo e manteñen o medio rural vivo. Agora, lonxe de corrixirse esta inxustiza, non se fixo caso da proposta da Comisión Europea de poñer un tope 300.000 euros por axuda -proposta laxa de máis, para o SLG- e deixouse sen definir quen é agricultor/a activo/a, polo que seguen abertas todas as cancelas para que estas empresas e terratenentes continúen a sangrar as arcas da UE mantidas cos impostos da cidadanía europea. Así, seguiremos a permitir esta fraude milmillonaria na que, só no Estado Español, hai 910.000 perceptores de axudas da PAC, cando o número de persoas que cotizan á Seguridade Social Agraria é de 350.000. Para a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, “trátase dunha PAC totalmente ilexítima dende o momento que se eliminan os topes no cobro de axudas e non se vinculan esas subvencións á creación e mantemento de postos de traballo ou xeración de beneficios sociais”.
O Sindicato Labrego Galego non pode estar de acordo coa Política Agraria Común pactada polo ministro Cañete e só apoiará unha PAC que contemple, entre outras medidas: a posta en marcha de novas medidas reguladoras da produción e do mercado leiteiro, regulamento público e limitación ao máximo das concesións administrativas de viñedo, avanzar na definición de agricultor/a activo/a para que sexa un requisito indispensable á hora de cobrar axudas, ou poñer un tope máximo inferior ao existente para que as axudas da PAC non sigan a ser un lucrativo negocio para moitas empresas e terratenentes sen vocación agraria.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.