O sindicato Unións Agrarias quere denunciar unha vez máis que o Goberno de Alberto Núñez Feijoo elude o papel dos gandeiros como grandes xestores do territorio e por consecuencia evita recoñecer o seu traballo na prevención de lumes. Así o demostra cadansúa convocatoria da Consellería de Medio Rural, publicadas recentemente no Diario Oficial de Galicia, dirixidas a concellos galegos e a titulares de montes veciñais en man común para a execución de accións preventivas contra o lume. A Administración autonómica destina a estas axudas un orzamento que rolda os 12 millóns de euros.
A organización sindical valora todas aquelas actuacións encamiñadas a previr os incendios na Comunidade galega pero reivindica o papel do gandeiro como xestor e activo na conservación ambiental paisaxística galega. Así, UUAA destaca que o gandeiro recibe do Goberno galego unha media de 30 euros por hectárea en concepto da actividade que xera pero á Xunta de Galicia cústalle unha media de 80 euros por hectárea a política de prevención de incendios forestais.
Do mesmo xeito, UUAA denuncia que a Consellería de Medio Rural non só non lle recoñece o valor ambiental das explotacións gandeiras senón que no que atinxe ás axudas a produtores de carne, a Administración autonómica ven reducindo constantemente as axudas desde o ano 2008 a través da PAC ata o punto de diminuír un 30% en moitos dos casos. Estas diminucións afectan moi negativamente sobre todo nas zonas de alta montaña onde se atopan explotacións de baixa renda, poucos recursos e mínimas posibilidades de diversificación.
UUAA lembra ademais como a proposta de programa Plan Vaca Vida+ se converte nun proxecto que permite combinar a existencia dunha explotación gandeira coa mellora ambiental do seu contorno. O seu obxectivo, que se recoñeza o labor a prol da conservación natural que realizan os animais, xa que ordenan e xestionan o territorio, contribúen a manter a calidade do solo, aproveitan os recursos das auga, loitan contra a erosión, actúan como axentes preventivos de incendios e manteñen a biodiversidade e as paisaxes.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.