O sindicato Unións Agrarias vén de constatar unha vez máis que o presidente da Comisión Nacional da Competencia, Luis Berenguer, continúa na súa teima de defender os intereses da industria en contra dos produtores lácteos, intoxicando a opinión pública, polo que o insta a que cese no seu empeño persoal de manter unha guerra preventiva contra os gandeiros desta Comunidade. Así se desprende das últimas declaracións realizadas esta mañá nas que afirma que os contratos lácteos non deben fixar prezos do leite e ameaza con actuar no caso de que se produzan acordos entre competidores e se fixen prezos.
Para o sindicato, os grandes males que pesan sobre o sector lácteo non están protagonizados polos gandeiros, que foron e son os grandes perdedores na cadea de valor do leite, e anima ao presidente da CNC a que cese na súa manía persecutoria aos produtores e dirixa a súa acción a investigar as prácticas monopolísticas da industria e a distribución, que levan, por exemplo, a que un gandeiro non poida cambiar de empresa. A isto hai que engadir a venta a perdas e a utilización como produto reclamo que as grandes cadeas de distribución están aplicando ao leite. Pola contra, o presidente da CNC non atopou ningún problema en bendicir a compra de PULEVA por Lactalis a pesar de que o grupo resultante acapara no mercado español, o 25% de recollida de leite, o 27% do leite envadado e o 13% do mercado de queixos.
Así, UUAA anima a CNC a que actúe de oficio investigando como é posible que haxa nos liñais de grandes superficies leite a 0,37 euros de prezo venta ao público, cando o gandeiro percibe por ese mesmo litro de leite 0,32 euros e os custos de envasado e distribución supoñen un incremento medio de 0,43 euros.
Luis Berenguer amosa tamén un total descoñecemento do sector lácteo europeo cando fala do mercado e non recoñece que o prezo en Francia, a pesar de ser un país marcadamente excedentario, é un 7% superior ao de Galicia grazas en gran medida, aos acordos da Interprofesional Láctea daquel país impulsados polo goberno da república gala. Estes acordos, en contra do que parece descoñecer o presidente da CNC, son a práctica habitual en rexións netamente produtoras como Bretaña e País do Loira en Francia ou Lombardía en Italia.
A organización sindical reitera a petición de cese de Luis Berenguer ao fronte da CNC pola súa provocadora parcialidade a favor das industrias e reiterada animadversión para cos produtores lácteos, cando precisamente, debería velar polas boas prácticas económicas.
Unións Agrarias estudará iniciar accións ante a Vicepresidencia Económica do Goberno central se comproba que as continuas ameazas realizadas reiteradamente polo presidente da CNC están encamiñadas a alterar o mercado e os prezos de referencia do leite.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.