O sindicato Unións Agrarias está detectando novamente unha entrada masiva de leite francés nas plantas de transformación de Galicia, co obxectivo de saturar artificialmente a oferta de leite e colapsar de novo o sector lácteo galego.
Diante desta situación a organización sindical demanda da Consellería do Medio Rural unha actitude decidida contra os empresarios que só entenden o mercado como un campo abonado para especulación e a adulteración das regras de xogo aínda a costa de poñer na picota a todo un sector que como o lácteo en Galicia, é o sustento de 13.000 familias.
UUAA lémbralle ao conselleiro, Samuel Juárez, que iniciativas como a marca Galega 100% só resulta crible se fan públicas as cantidades e as plantas de destino das cisternas de leite que están entrando de Francia, onde curiosamente as industrias están pagar un prezo bastante máis alto, case 2 céntimos máis, do que custa mercar a mesma produción en Galicia.
Estas contradicións, ás que a Xunta ten que poñer coto xa que conta coas competencias para facelo, son letais para o sector produtor porque forzan á baixa os prezos, nun momento no que os custes de alimentación e enerxía están afogando as explotacións, e o mesmo tempo sementan a desconfianza nos consumidores sobre a procedencia e a calidade do contido dos cartóns de leite que mercan.
Finalmente, Unións Agrarias chama novamente á reflexión das administracións da importancia e urxencia de apuntalar o sector primario en Galicia polo seu carácter estratéxico, do contrario virase abaixo con consecuencias dramáticas social e economicamente.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.