A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire Cruces, expresou ayer a fonda preocupación dos sectores agrarios da Galiza diante da reforma das pensións que está a preparar o Goberno Central, con propostas como atrasar a idade de xubilación aos 67 anos ou aumentar o período de cotización a vinte anos para ter dereito a unha pensión.
De ir para adiante esta reforma, suporía unha estocada mortal para o agro galego, que se vería afectado de dous xeitos claros. En primeiro lugar, afectaría directamente á saúde da xente que se dedica a producir alimentos. A actividade agraria esixe grandes esforzos físicos que, ao longo dos anos, acaban derivando en enfermidades e doenzas propias deste sector que afectan, principalmente, á columna vertebral e ás articulacións óseas. Dado que estamos a falar dun sector que cotiza no réxime de autónomos e que, polo tanto, non ten dereito a unha xubilación anticipada, o normal é chegar aos 65 anos nunhas condicións físicas penosas e moi minguadas. Aumentar a idade de xubilación até os 67 alongaría o traballo de homes e mulleres que, en circunstancias normais, chegan con serias dificultades físicas aos 65. Por se non abondase, estas enfermidades propias da actividade labrega non están recoñecidas como doenzas laborais.
En segundo lugar, a reforma afectaría directamente aos ingresos económicos dunhas explotacións agropecuarias que, nas circunstancias actuais, están a camiñar pola corda frouxa, moitas veces vendendo por debaixo dos custes pola constante caída de prezos e incrementos continuados dos gastos. Aumentar a cotización até os 67 suporía para cada cotizante acabar pagando arredor duns10.000 euros máis ao final da súa vida laboral. Ademais, aumentar os 15 anos de cotización obrigatorios a vinte está a provocar que moitos labregos e labregas que tiñan intención de comezar a cotizar aos cincuenta para poder ter dereito a unha pensión, xa non o vaian facer por non quedarlles vida laboral suficiente; mesmo moitas persoas que cotizan van deixar de facelo por non dar chegado ao mínimo de anos cotizados que se pretenden esixir.
Este último problema afecta, especialmente, ás mulleres labregas que, a pesares de traballar xunto ao seu cónxuxe nas explotacións, habitualmente non cotizan a pesares de facer o mesmo traballo. Isto débese a que, nun contexto de aumento constante dos custes de produción na actividade agraria, as cotizacións á Seguridade Social son unha vía de aforro por non ser obrigatorias.
Para o Sindicato Labrego, as únicas beneficiarias destas reformas van ser as aseguradoras privadas. Para o SLG, non poden pagar os custes desta crise as clases populares e, en especial, os labregos e as labregas, motivando, unha vez máis o engrosamento de beneficios dos grandes poderes económicos á costa dunha vida digna para as persoas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.