Dentro das mobilizacións conxuntas programadas polos tres sindicatos agrarios (SLG, UUAA e XXAA) para reivindicar a consecución dun prezo mínimo para o leite, na mañá de hoxe tiveron lugar “visitas informativas” a multinacionais da distribución en establecementos de A Coruña (Carrefour-Alfonso Molina- e Alcampo), Santiago de Compostela (Lidl e Día) e Lugo (Carrefour e Eroski).
Malia que con resultado desigual nos tres puntos de mobilización, o obxectivo destas accións reivindicativas foi o reparto de panfletos informativos ás consumidoras e consumidores ao respeito da orixe do leite, dando conta da directa vinculación entre o hábito de compra de marcas brancas e a progresiva desfeita do sector leiteiro.
Dende o SLG apelamos a que a cidadanía non apoie mediante o consumo ás grandes multinacionais da distribución, senón que se acheguen aos circuitos de distribución curtos, aos mercados locais, as prazas de abastos, ao pequeno comercio e ás marcas que comercializan só leite producido na Galiza, xa que é deste xeito como se apoia ás produtoras e produtores de leite do noso País.
Ao respeito de vindeiras mobilizacións, logo de ter saído en tractorada en todo o país o pasado mércores e acudir onte a Bruxelas pra participar na tractorada europea, até que academos un prezo que nos permita vivir do noso traballo, para o Sindicato Labrego Galego a loita continúa.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.