O VIII Encontro de Mulleres do SLG, celebrado en Couso (Sarreaus) do 25 ao 27 de marzo, rematou co compromiso das participantes de defender a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacíóns, que se presentou ao Consello de Ministros do pasado venres (25 de marzo). As mulleres do SLG valoraron positivamente o anteproxecto de lei presentado a semana pasada, pois é un primeiro paso importante de cara a rematar coa discriminación que sofren miles labregas que, a pesares de traballar nas súas propias explotacións familiares, non poden ser titulares das mesmas por estar a titularidade a nome dos seus cónxuxes. Neste senso, as mulleres participantes non encontro de Sarreaus decidiron que non aceptarán ningún recorte no texto legal que presentou o Ministerio de Medio Rural e que están dispostas a mobilizarse se este non vai para adiante ou se baleiran de contido a lei que se aprobe finalmente.
A maiores, as mulleres do Sindicato Labrego Galego seguirán comprometidas en loitas como a iniciada contra a reforma das pensións –polo especial impacto que ten sobre as mulleres labregas-, reclamando unha Seguridade Social máis asequíbel que garanta unhas pensións dignas. Nesta reivindicación, as labregas do SLG amosáronse dispostas a establecer alianzas con outros colectivos de mulleres para facer máis forza nunha campaña que comezou este sábado cunha manifestación en Ourense.
Outra das decisións acordadas no encontro de Sarreaus foi a de ratificar nas súas responsabilidades á fronte da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego a Isabel Vilalba Seivane, traballo que esta gandeira e sindicalista de Lourenzá (Lugo) terá que compaxinar coa súa pertenza ao Comité da Coordinadora Europea da Vía Campesina.
Con acordos como os devanditos, as labregas do SLG puxeron fin a un encontro anual que serviu, a maiores, para visualizar a loita desenvolvida polas mulleres nas últimas décadas de cara a conquistar dereitos dos que hoxe disfrutamos todas. Isto fíxose grazas a análise feita de documentais como “Digna rabia”, no que varias mulleres que padeceron e viviron a represión do Franquismo achegan a súa testemuña; ou do libro de Tareixa Ledo Regal “Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable”, no que a escritora, amais de analizar a biografía e traxectoria sindical da que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego entre 1989 e 2007, bota unha ollada retrospectiva ás loitas rurais lideradas por mulleres na Galiza.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.